|
|
|
por Fran Alonso
Sentou no váter. Pousou o xornal e o móbil sobre o tallo de
plástico e dispúxose a facer forzas. Era horrible; últimamente pasaba horas naquel sitio e non daba
vencido o estreñimento. Non había nada que facer. Nin a froita que tomaba de mañá, antes do almorzo, nin as pílulas que o médico lle
dera nada. Concentrouse para volver a facer forzas. Imposible. O seu era un caso patolóxico. Sempre co mesmo
problema. Niso, sooulle o móbil. Era o César. Tal e como viña sospeitando desde días atrás, comunicoulle que o deixaba
colgado no negocio aquel. Non o colleu de sorpresa, porque sospeitaba que lle ía facer algo así, o cabrón. Era un
cabrón de primeira. Esqueceu os seus bos modais e díxollo todo á cara, desde o principio. Merecíao. Un cabrón coma
el merecíao. Ao César, todo aquilo, e mesmo o que el lle dixese, importáballe tres carallos. Así llo fixo saber. El
alporizouse aínda moito máis. O tipo non era un simple cabrón, era un auténtico cabrón. Díxollo e comezaron a
insultarse. Totalmente vermello, co rostro conxestionado pola ira, decidiu colgarlle o teléfono. Cortou a chamada e,
en canto a cortou, o ventre deulle a volta. Os intestinos
fixéronlle múltiples ruidos e, de súpeto, sentiu a diarrea, como lle baixaba, precipitada, polo conducto do ano. El
respirou aliviado. Coa estratexia pactada co seu colega César, conseguira vencer o estreñimento. Iso era un amigo.