Free Web Hosting by Netfirms
Web Hosting by Netfirms | Free Domain Names by Netfirms

 

 

 

          

                                 

Cando eu morra    

por Antón Tovar  (*)

 (programa 20-06-04)

 

 

Antón Tovar (Xinzo de Limia 1921, Ourense 2004)

Os mortos campesinos teñen as sepulturas
con canciós de paxaros e niñeiros de estrelas
i á carón das suas silvas van as vacas marelas
e cántanlles os ventos as cantigas máis puras. 
         

Os mortos campesinos érguense antre piñeiros
i ás súas covas xeadas cheas de soedade
ofércelle a paisaxe pano de caridade
feito de millo i auga de toxos e vieiros.
      

Os mortos aldeás devalan por atallos,
antre os centeos verdes, xunto a ríos mansiños,
con fachicos de estrelas e noitébregos niños
de gaitas que inda tecen os seus finos meigallos.
      

Cando chegue o meu día i o derradeiro viaxe,
enterráime na dorna dun adriño aldeán,
poñéime nela espido sin sudario -no chan-
que xa teño ún pra mín feito só de paisaxe.
             

Cando o meu corpo morra xunto á frol das toxeiras
seréi un acio máis tripado en gran vendima
polas patas dos bois, os bois da miña Limia,
nun lagar oceánico de longas carballeiras..  .


        

              

        Antón Tovar (Xinzo de Limia 1921 - Ourense 16/6/2004)