Free Web Hosting by Netfirms
Web Hosting by Netfirms | Free Domain Names by Netfirms

 

 

 

          

                                 

O TESOURO DA VELLA XOANA    

por Manuel Quintáns Suárez 

(ANTOLOXÍA DE CONTOS POPULARES DE GALICIA)


 (programa 01-08-04)

 

 

A avoa era xa moi velliña e pouco máis facía que arrimarlle uns garabullos ó lume que ardía na lareira todo o día para face-lo pote do caldo, quenta-la auga dos animáis e para coce-los nabos con que o filio máis vello acalaba tódalas noites os gruñidos dos porcos que dormían no cortello da entrada da casa. Os netos facíanlle moi pouco caso a súa avoa, que cada día perdía máis o sentido e pasaba todo o tempo remexendo en canto atopaba por diante e latricando non se sabía qué.
Pero tanto o filio coma a nora e os mesmos netos andaban desacougados cunhas palabras que a vella Xoana repetía sempre acompañadas de fondos e sentidos suspiros:


- "¡Ai! ¡Campo Narai, Campo Narai!"
- ¿Que dis, he? -preguntáballe moi curioso o fillo.


Pero a súa nai seguía a remexer cun garabullo no lume da lareira e, se cadra, cun maior sentimento aínda, voltaba a repetir:


- "¡Ai!... ¡Campo Narai, Campo Narai!"


O fillo e a nora e os mesmos netos comezaron a sospeitar que a vella Xoana quería descubrir algún segredo que non sabía como explicar. Aquel "¡Campo Narai, Campo Narai!" da vella convertírase nunha teima que para os seus era cada día causa de maiores desacougos.


- Ai!... -parecía laiarse a vella Xoana-" ¡Campo Narai, Campo Narai!"


Ó fin estiveron todos de acordo en que avoa debía pensar nalgún tesouro que, noutro tempo, polo que fora, agachara naquel lugar e que agora, sabéndose as portas da morte, non atinaba como dicirllo os seus. Pensaron, pois, que ben merecía a pena meter a vella nun carro e facer disimuladamente unha viaxe a aquel lugar que, dende facía algún tempo, ela non deixaba de lembrar a cada momento.
E, sen máis, puxeron as vacas ó carro, abrigaron ben a vella e, pola mañan cediño, saíu toda a familia camiño de Campo Narai.
Cando chegaron alí, baixaron a avoa do carro e, co maior agarimo do mundo, dixéronlle:


- Avoa, xa estás en Campo Narai.


A velliña ollou para un lado e para outro e, cun laio moito máis fondo e moito máis sentido ca nunca, dixo, erguendo os brazos e levando as mans á cabeza:


- "¡Ai Campo Narai, Campo Narai!onde eu perdín a miña virxinidá".


E, mentras todos facían por volve-la vella ó carro e sair dalí sen que ninguén os vira, a avoa escachou nunha longa gargallada da que nunca máis, ata a hora da súa morte algúns anos despois, foron capaces de arrincala.