|
Unha vez había un crego que tiña un sancristán que lle
roubaba os cartos das ánimas.
- ¡Mira, ho! -díxolle un día o crego ó sancristán- Eu non sei..., pero penso que alguén está a rouba-los cartos
das ánimas do purgatorio. E iso, claro, ¡é un pecado moi grande!
- Non pode ser, señor cura -díxolle o sancristán-, porque, se non, vostede saberíao.
- E ¿como? -preguntoulle o crego.
- Cando a xente se confesa, ¿ou non? -dixo o sancristán.
- ¡Pois tes razón! -díxolle o crego.
E, de súpeto, o crego virouse cara ó sancristán e díxolle:
- ¡Por certo! ¿Por que non te confesas? Segundo as contas que eu levo fai tempo abondo que non pasas polo
confesionario.
- E que me da moito reparo facelo por diante, coñecendo como coñezo ó señor cura -disculpouse o
sancristán.
- Non te preocupes, ho. Podes facelo polo lado das mulleres.
E o crego meteuse dentro do confesionario e o sancristán col ocouse nun dos lados, polo sitio que o fan as mulleres.
E o crego preguntoulle ó sancristán:
- ¿Quen rouba os cartos das ánimas?
E o sancristán contestou:
- Non se oe nada, señor cura.
E por máis que o crego herraba non lograba do sancristán máis ca esta resposta:
- ¡Non se oe nada, señor cura!
O sancristán levantouse do sitio e achegándose por diante ó crego dixolle:
- ¿Por que non proba, vostede a poñerse polo lado de fóra? Xa verá, entón, se minto ou non minto.
E o crego fíxoo así. E cando estiveron cada un no seu sitio o sancristán, dende dentro do confesionario,
preguntoulle ó crego:
- ¡Señor cura! ¿Quen di, vostede, que dorme tódalas noites coa muller do seu sancristán?
E o crego contestou:
- Pois tes razón... ¡Non se oe nada! |