Free Web Hosting by Netfirms
Web Hosting by Netfirms | Free Domain Names by Netfirms

                        

Círculo (*)
       

Suso de Toro (contemporáneo)

 

por Suso de Toro (programa 19-10-03)
    

                       
Aquela muller morreu unha tarde de inverno, chegara cansa de traballar, levaban un mes moi atafegado no despacho de avogados no que traballaba, e cando chegou a casa e viu o cuarto dos fillos todo revolto desesperouse primeiro e logo púxose a recoller todo un pouco, foi xusto cando se agachou a apañar uns tenis que saían de debaixo da cama cando lle deu unha embolia. Foi corno unha cegueira e un mareo e caeu xa sobre o leito que tiña ao lado, non soubo canto tempo estivera así sen sentir nada máis, ficou alí inmóbil porque estaba morta xa. Mais ocorreu que chamaron na porta do piso e movida polo costume, a rutina de facer andar as pernas cansadas e arrastrar os pés ata a porta a ver quen era, ergueuse do leito e foi ata alí como suspendida no aire. Abriu e alí estaba unha muller con cara cansa, ollos encoveirados, cabelo graxo e sucio e roupa vella, alí de pé ollándoa con aquela cara de pena. Era a morte que vina por ela, mais como ela nunca antes vira a morte pois non a recoñeceu.

- ¡Non, non dou nada! -e cerroulle a porta nos fociños. Tiña por norma non dar esmola a quen viña a pedir polas portas e non mercar calendarios nin contestar enquisas nin subscribirse a nada. Deulle pena aquela muller que a ollara con cara de tristeza mais se se paraba a escoitar o que dicían, as súas súplicas aínda era peor, tería máis pena de dicirlle que non; e non podía ser que unha atendera tanta xente como viña polas portas.

De maneira que buscou forzas na propia teimuda persistencia de tantos anos insistindo en vivir e continuou a súa vida. Realmente ninguén se decatou de que morrera, no traballo continuou desempeñando os seus labores, iso si, na práctica renunciou a competir por calquera ascenso ou progreso da súa situación, mais seguiu alí insistindo un día e logo outro. Tampouco os seus fillos ou o seu home notaron nada. 0 home algunha vez referiuse a que a vía como desganada e, xa que era médico, deixoulle na mesa un frasquiño de vitaminas dos que recibía de mostra gratuíta. Os días seguiron pasando, os fillos seguían medrando, e aínda que o seu home se entendía con outra muller, e ela sabíao desde había anos, un día achegouse a ela e ela deixouno facer. Foi así como preñou.

Non tivo o entusiasmo ou as depresións que tivera cos anteriores embarazos, máis ben vivíuno na atonía. Informáronlle de que había ser nena mercé a unha ecografía que amosou aquel corpiño aboiando no liquido amniótico do seu interior, a meniña había ser unha novidade que a rexuvenecese. A pobre non sabía que xa levaba un ano morta.

A nena naceu mortiña, claro. Ela non sentiu nada, so estaba atordada e desconcertada. E así ficou logo de parir algo asustada ante unha nada moi grande alí soa no seu cuarto de hospital, o seu home tiña garda nun sanatorio privado nese momento.

E alí apareceu outra vez aquela muller pola porta. E entón comprendeu, recoñeceuna, era a morte. E lembrouna tamén, xa estivera unha vez na porta da súa casa.

-¿Entón acabou?
-Acabou. Xa acabara hai un ano, mais ti seguiches, es tan teimuda. E lenta.
-Sempre o fun, sempre tardei máis có resto da xente para decatarme das cousas. Por iso tiven que ser teimuda, supoño. Foi pena, se cadra coa meniña revivía...
-Non podía ser, faime caso. Non teimes máis.
-Xa. Así e todo a miña morte foiche ben imperceptíbel, nin me dei de conta.
-Foi.
-Tamén a miña vida foi imperceptíbel, case non me dei de conta de que estaba a vivir.
-Tamén.
E como seguía sentada no leito branco coas mans xuntas cos dedos cruzados e coa vista ida perdida nalgún lado, ou en ningún, pois a muller achegouse a ela e sacudiulle suavemente un ombro.
-Anda, veña. Vamos.
E ela ergueuse con disposición e unha expresión de dispoñibilidade como cando se erguía, sendo nena os domingos para almorzar. Era hora xa.


* [Círculo. Vigo: Xerais, 1999 (2da. ed.)]