|
|
É xa costume en Galicia
de moitos anos atrás,
e como vella costume,
nas aldeas xeneral,
de que cando un viaxeiro
vaille a calquer perguntar
si dende alí astra o pobo
do cal en camiño vai
falta pouco, ou si cicais
ten moito que camiñar,
decir lle, anque desviado
se atope unha légoa ou máis:
"Non señor, falta pouquiño,
a carreiriña dun can".
O Pepe de Chaguacedo,
mozo como poucos hai,
entrometido, valente,
e non sei que cousas máis,
deixou a vila de Trives
por ver de Ourense a ciudá.
Por vez primeira da casa
sai o xuncras do rapaz,
non conecendo o camiño,
máis coidado non lle da,
pois sabe aquelo de que
quen ten léngoa a Roma vai.
Andivo, chegou ó Castro,
á Medorra e máis ala,
foi por Villariñofrío,
por Niñodairas, e máis
pobos que hoxe non recordo
nin vén a conto lembrar,
e xa se alcontraba canso,
pero dixo: "Non lle fai,
hei andar, queiras non queiras,
astra que non podia máis".
E cal o dixo, cumpriuno:
bota a monteira pra atrás,
colga no brazo o fungueiro
que levaba nunha mau,
e dunha en outra alancada
chega a Esgos pra xantar.
Xantou o que moitos xantan
cando de camiño van:
unha boa cunca de caldo,
dúas sardiñas, viño e pan.
Con máis forza e máis alento
de Esgos saliu o rapaz,
e por un atallo estreito
camiña sin folguexar:
xa moito andivera, cando
a rente dun carballal
viu unha moza que estaba
nunha roca fiando laa;
a carón púxose déla,
e dixolle: "¿Vosté fai
o favor de me decir
canto falta pra chegar
por este sendeiro á Ourense?"
Coa vista fixa no chan,
a mociña respondeulle:
"Polo camiño que vai,
andando moito e de presa,
logo á Ourense chegará,
pois dende eiquí falta sólo
a carreiriña dun can.
O Pepe do Chaguacedo
respirou, pois en verdá
iba alcontrándose canso
xa con tanto canear;
e por longas corredoiras,
traspondo montes e vals,
e brincando algús valados
ó Pinto logrou chegar,
pero levando nos pes
unhas vinchas, que xa, xa.
Topa cun probe dun vello
que guiando unhas vacas vai
as que dun carro de estrume
turran pra facelo andar.
"¿Canto falta de eiqui a Ourense?"
pergunta con louco afán.
I o que iba diante da xunta,
volvéndose cara atrás,
i un monte cheo de piñeiros
amostrándolle coa man,
dixo: "Baixando esa costa,
á volta do piñeiral
pode xa decir de fixo
que se alcontra na ciudá,
pois dende alí vese a cruz
da torre da Catedral:
ande axiña, déase presa
siquere logo chegar,
pois fáltalle mui pouquiño,
a carreiriña dun can.
Perdeu a pacencia o mozo
e astra chegou a xurar,
cousa que nunca fixera
na compaña dos seus pais.
Tivo mentes de sentarse,
mais vendo a noite chegar,
siguiu camiñando o probe
facendo un esforzo máis.
Chegou diante de Lamela,
cando escoitou resoar
aló mui lonxe unhas cantas
bateladas de campás;
viu unha muller, e díxolle:
-¿Seica de Ourense serán
as campás que agora tocan?
-Non son, enganado vai;
é que están tocando a morto
no Pereiro de Aguiar
por un rico vinculeiro
que morreu esta mañá.
-¿Entón dende eiquí astra Ourense
fáltame moito que andar?
-Non señor, fáltalle pouco,
a carreiriña dun can.
Por verse logo en Ourense
degorábase o rapaz,
i anque canso e rabechando
andivo cada vez máis;
cando por fin se atopou
onda as portas da ciudá,
dando un sospiro, excramou,
volvéndose cara atrás:
"¡Non foi pequena, puñesflas,
a carreiriña do can!
VALENTÍN LAMAS CARVAJAL
1 DE NOVEMBRO 1849 - 4 DE SETEMBRO 1906 |