Free Web Hosting by Netfirms
Web Hosting by Netfirms | Free Domain Names by Netfirms

                        

         

Carta de Alexandre Bóveda a su mujer

 

(programa 15-08-04)    

 

                       


         

 

Reprodución da carta que Alexandre Bóveda dirixiu á súa muller denantes de sair pro lugar do seu fusilamento. O sentimento de bó esposo e pai xurde arrepiante frente a traxedia que caería sobre un fogar cristián e galeguista marcando o encetamento dunha ríada de sangue que asolagou a Galicia 

 

 

 

 

Madrugada do 17 de agosto do 1936



Choliños, miña Peque, Vidiña:

Quixera escribirche moito. Mais xa sabes canto poidera decirche.
Perdóame todo, que os peques me lembren sempre, que cumplan tódolos meus encargos.
Eu, almiña estarei sempre con vós como cho prometín.
Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquilo.
Adeus vidiña. Vive para os peques e os vellos; abrazaos, confórtaos. Se Ti, miña Pequeniña admirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos.
Lembrareivos sempre, velarei sempre por vós.
Adeus, contigo, cos peques, cos vellos todos, estarei sempre na lembranza, na máis grande, na máis fonda, na máis infinda das apertas, o voso


Xandre

 


PS/ Recei contigo

 

 

Alexandre Bóveda ( Ourense 1903 - Pontevedra 1936 )

 

 

 

Adicatoria


"Nos moitos cimeterios de Galicia, durmen os derradeiros 

mártires da Libertade, en número incontable. 

A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cimeterio,
como outros tantos clamores de xusticia.
Pero no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba até o ceo. 

Era o lume do esprito de Bóveda que non figura na Santa
Compaña dos inmortaes, porque non pertenece 

a Historia senon a Tradición en arume de lenda. 

Bóveda terá de ser nun mañan próisimo ou lonxano, 

a bandeira da nosa Redención".


(Castelao, "Sempre en Galiza" . Pax. 431)




LEMBRANZA DE ALEXANDRE BÓVEDA


Tí eres lume vivo, acesa chama,
roita irreversíbel de futuro;
potente trebón que berra e crama,
¡home do pobo, asoballado e puro!
Eres a luz, o guieiro i a bandeira
chantada nos cumes de Galicia.
¡Eres a voz limpa e verdadeira!
¡Eres o pan, o viño i a ledicia!
Ouh Alexandre Bóveda, paixón núa,
furacán potente e desatado:
¡qué exempro foi a morte túa!
¡Qué cantidá de amor sacrificado!
Ouh Alexandre Bóveda, meu irmao,
pai desta patria triste, escura.
¡Invoco a Rosalía, a Castelao...!
¡Nomeo a vida túa, nobre e pura!
Ouh Alexandre Bóveda, semente,
colleita fidel de lealtade:
¡si vive Galicia i a súa xente
a túa morte non pode ser verdade!

 

 


Monforte de Lemos Manuel María


Galicia, xulio de 1971