Free Web Hosting by Netfirms
Web Hosting by Netfirms | Free Domain Names by Netfirms

 

 

 

          

                                 

O BOLO    

por ELISEO ALONSO 


 (programa 22-08-04)

 

 

Embarcaran os catro en Vigo, naquel mediodía de neboeiro espallado polo porto coma un lenzo de saudades. O "Corrientes", que estivera toda a mañan apegado ao caes chuchando coma un monstro o sangue galego, saíu da badía cos servicios de "radar".
privando aos varudos e tristes emigrantes daquel doloroso consolo de ollar por derradeira vez a terra que tampouco os vía partir.
Todo eran brétemas que esvaían a ponte, os mastros e os estais do navio. Só no corazón dos emigrantes acochábanse moi nidios os mouros pensamentos do abandono.
Formando un bolo que a desventura amasara, os catro descenderon por unha escada que se afondaba nas entrañas pretas do vapor.
Abaixo, tirando das botellas de viño que traían, agora sangue dos seus eidos perdidos, beberon todos silenciosos, levantando os copos polo sino da súa nova vida, namentres xa endentados pola saudade, cavilaban na paz das viñas e das searas.
Vale a pena ouvir as verbas que nese intre fícaron abafadas no fondo do vapor. O primeiro en falar foi Ventura Paradela, que levaba nas adegas, por todo avío, a sua roda de afíador. 


-Galicia lémbrase de nos nas quintas, para nos facer criados dos oficiáis.


Non dixo máis. Pedro de Ribadeneira, que levaba consigo muller e fillos, ergueu o seu pasaporte e dixo:

 

-A nosa patria levámola de emprestado nestas libretas.


Seguiron as verbas de Roxerio Ramallo, que fora seminarista, e con retórica de pulpito, lanzou esta longa parrafada:


-A terra non nos pertence; a terra que nos ensinaron a querer polas grandes xestas adeprendidas na escola, lémbrase de nós, como moi ben dixo aquí Ventura Paradela, para chamarnos ás quintas e tamén para zugar as nosas suores. Na nosa terra élles doado vivir a uns cantos privilexiados, e nós somos os excedentes do cupo para a exportación.

   
O cuarto deles, que era Eustasio de Soutelo, virouse cara á banda de Galicia, e por despedida ergueulle o puño. Logo, coas entrañas fendidas pola xenreira, fícaron todos calados e os días e as millas foron domeando os seus alporizados corazóns.

Así pasaban os días, aboiando os catro dun canto para outro do barco, coma unha cortiza ao garete das correntadas dos seus ámagos infortunios.

       
Na data de hoxe, con máis de catro mil millas navegadas, os emigrantes, sempre coma un bolo, afincados na varanda, van en silencio, cos seus ollos fitos no horizonte largacío que se espalla polo escumoso ronsel do vapor. Non falan ren e alónxanse da xente por medo a estragar a alegría dos demais.