Free Web Hosting by Netfirms
Web Hosting by Netfirms | Free Domain Names by Netfirms

                        

Balada para Mónica 

por Vicente Araguas  (programa 15-02-04)

 

Vicente Araguas  (contemporáneo)

                                                  

As doce da noite, corazón, e chove. Chove moito no exterior desta emisora de verán, de verán de pateras, onde a miña voz é a vosa teimuda compañieira de viaxe, de luns a venres, das doce as dúas da madrugada. Chove ai fóra como se nunca, e dentro pingan riba miña as goteiras da alma. Porque estou só, porque ela, cando volva á casa de mañanciña, xa non vai estar. E vós, queridos companeiros de viaxe nocturna, ides permitir que hoxe, excepcionalmente hoxe, sexa eu quen vos explique, quen vos diga o que me pasa, o porqué desta voz afogada, o como desta bágoa que anda a me premer na gorxa. El sería cousa agora de poñer unha canción, un deses boleros que adoitan ser os puntos suspensivos das miñas locucións, ía dicir das miñas alocucións , pero cómo se esta noite ando a me espir enteiramente eu, consumado voyeur/espiatrucos, que goza vendóos en pirinxolas. Pero eu esta noite estou só, vouno estar dentro dunhas horas, cando volva á casa, ao punto de partida, e pouco fique, moi pouquiño, nada, tal vez nin sequera as tartarugas de Florida, tan viciosas e voraces como as horas que aínda restan. Ela, dicía -ela, tí, Mónica, ¿estás escoitándome no fondo do receptor?-, vai marchar, está marchando xa, deixando de verdade senlleiro o corazón que sempre está con vós de madrugada. Non, non é recurso este de complicidade, non quero que ninguén pense que estou finxindo para lle dar ao meu programa un verismo que, polo demais, nin sequera preciso. Porque a verdade xa ma dades a esgalla vós cada noite; eu nada máis estou dicindo o que me pasa. 

Esta noite o protagonista son eu, o que fala e o que pide resposta. Non, non chamedes agora por teléfono, home; Charlie faime acenos de que andades a bloquear a centraliña. Non, non chamedes agora; a única chamada que espero non se vai producir. ¿Que por que o sei? Seino dabondo porque ela, Mónica, marchou se non o fixo aínda, e eu vou ficar só, só como nunca, porque, ¿sabedes?, xa vedes, o voso corazón senlleiro que son eu non entende de vivir en compaña. Este corazón senlleiro quérese a el soamente, encantado de se ter coñecido, e Mónica, miña amada, vai na procura de mellor compaña. Igual cando volva nin as tartarugas fican, e o meu estudio vai estar máis branco que nunca. Non, esta noite non é de boleros, nin sequera de tangos; esta noite é para un slow lentísimo e húmido como as pingas de mágoa que andan a caer riba miña. No exterior segue chovendo, dentro, na vosa emisora, na emisora amiga, a chuvia anda a derramar todo. E non falo de augas traidoras; eu falo dun río inmenso que todo o desfai, que esnaquiza o papel de todos os poemas de amor que Mónica escribira. Un río que roxe e roxe deixándome unha dor tan xorda como esa luz que Mónica, se cadra, está deixando acesa. O último que apague a luz, ou a mágoa, pero non, que ti, Mónica, sempre fuches indisciplinada, insubmisa, independente. Ben, é un xeito de vida o teu, e ti queríaste facer, ¿éralo?, filla de louca, violada de noviña, casada unha, dúas, tres veces; cun policía, cun heroe do deporte, cun intelectual de pernas longas, tamén, sospeito, encantado de se ter coñecido. E agora vaste de min, Mónica, ¿onde?, .¿pensas que alguén vai quererte máis do que eu te quixen? Porque, ben o sabes, por ti, para satisfacer as túas fantasías, xa non sei se perversas, eu fun policía, heroe do deporte, intelectual de pernas longas, e iso malia a miña xenreira aos chepas ou cherepas, aos heroes do deporte, aos intelectuais con ou sen pernas longas. Pero por ti eu tería sido calquera cousa, ben o sabes. Teríao sido e por ti aínda estou pintando a mona esta noite. Esta noite na que non deixa de cho- ver, agora con estrondo, no exterior desta emisora, nesta noite de verán con dramáticas pateras, e tal vez debera de poñer unha canción country para ti, Mónica, agora que peta o sol, como malla, no verán de California, e estás a piques de tomar a derradeira dose de nembutal con bourbon, como se fose estricnina, rodas de tren, ou soidade e vergoña eternas, non sei, outra cousa. E agora si, agora damos paso á publicidade.