Free Web Hosting by Netfirms
Web Hosting by Netfirms | Free Domain Names by Netfirms

                    

 

 

A súa voz 

por Xosé Antonio Perozo  (programa 04-07-04)     

 

 

                                                  
É probable que non teña conciencia de cando a escoitei por primeira vez, si podo asegurar que se foi pegando ó meu oído como unha brisa de arrrecendos frescos, como se fose parte dunha melodía inacabada e inacabable. So sei que unha tarde parei diante do vello aparello de radio da miña casa, aquel moble misterioso de longo dial vertical, iluminado, flanqueado por nomes de cidades afastadas ou próximas, soñadas ou imaxinadas, das que algunha vez chegaban voces estrañas cando o meu pai sintonizaba a onda curta para navegar polas noticias doutros países máis libres có noso. A ela escoiteina cunha atención non desexada. Captoume á marxe do que dicía, sen importarme o seu discurso. Atrapoume. O meu oído transformouse nun ratiño preso na súa gaiola vocálica. O meu cerebro seguiu os pasos do rato cativo e o meu raciocinio arquivou para sempre aquela voz de muller. 


Atrapoume a súa palabra próxima e ben pronunciada. O equilibrio perfecto entre vocais e consoantes. A sonoridade de brillante coa que esvaraba polas frases sen un corte para respirar. Aquela voz ulía a rosas ou xasmíns aínda que fose inverno. Equivocaríame se dixese que era simplemente unha voz de veludo. Realmente pensaba que era unha voz amarela, coa luminosidade dunha mañá de domingo. Unha voz
soleada de festa de gardar. Coa mesma limpeza virxinal dun traxe acabado de estrear. Coa pureza de venid y vamos todos con flores a María. Coa perfecta inxenuidade do perfecto. Coa mesma candidez dos meus pensamentos emboubados.

 

Por iso me atrapou, porque semellaba unha voz ideal, de cristal irrompible. Non, de duralex non. Irrompible si, pero tan fino e sonoro como o mellor cristal de Bohemia. Era unha voz próxima e amable. Empecei a amala con inusitada celeridade. Coa paixón dun amor eterno. E co amor desatouse a imaxinación. O soño e as ensoñacións. Cada día agardaba con impaciencia a hora da sobremesa para escoitar o seu programa de consellos útiles para o fogar. As súas pequenas entrevistas. Para solazarme co seu verbo ocorrente e xuvenil. Para imaxinala loira e fermosa sabendo que só nos afastaban os mesmos quilómetros que
había da miña cidade á capital da miña provincia, desde onde emitía a súa emisora. Unicamente o seu nome, Ana Sánchez, semellaba ser dun valor cativo e vulgar para un ser tan adorable, para unha voz tan perfecta. Para o cristal dos meus soños infantís.


Logo o meu soño adolescente fíxose maior. Creceu ó tempo que se alongaban os meus pantalóns e agochaban a peluxe das miñas pernas. Sen decatarme deixei de acudir á cita con Ana Sánchez, que é como dicir coa voz da infancia perdida. Pero en cada cacho do tempo atopábaa e seguíaa escoitando fresca, doce, co mesmo marelo dominical da nenez. O diapasón das súas vocais vibraba incorruptible,
invariable, no meu peito namorado.


Naquel día de viaxe de negocios á capital o destino colocoume fronte ó letreiro da emisora como un imprevisto máis da vida. Como unha cita co irremediable e co soño imposible. Toda unha tentación. Subir as escaleiras. Entrar na recepción. Preguntar por Ana Sánchez. A voz. O sorriso loiro. O rostro xovial e doce.

 

-¿Ana Sánchez? Si, naturalmente -contestoume a recepcionista-. Polo corredor á dereita. Pode atopala no primeiro estudio de gravacións. Está ocupada, pero pode agardar no control de son.
Cheguei. Asomeime ó control. O técnico miroume interrogante mentres colocaba un disco no prato.
-¿Ana Sánchez? -preguntei tímidamente.
-Si, é ela. En dez minutos remata.


Era a súa voz. Máis preto que nunca. Só nos afastaban os cristais da pecera. Pero non podía ser ela. Aquela matrona de pelo enlacado, tinguido de escuro, de lentes de media luneta na punta do nariz e mans regordechas, de dedos que procuraban afanosos a seguinte receita de cociña ou o mesmo consello útil de dez años atrás, non era, non podía ser Ana Sánchez. Ou si. Si era a Ana Sánchez que se correspondía co nome, pero non co misterio tantos anos conservado. Nunca antes estivera tan lonxe dela. So fun quen de balbucir unhas palabras de desconcerto mentres fuxía.

 

-¿Marcha? -preguntou o técnico.
-Si, si -respondín atribulado-. Coido que me equivoquei de soño.


 

Traducción al castellano :  Ramón Suárez O Muxo